Friday 19 de April de 2024

A Xunta formará e dará opción a traballar a 100 presoas desempregadas na comarca de Bergantiños-Costa da Morte grazas a un investimento de 1,7M€


― O Goberno galego destina este ano un orzamento 11,3 millóns de euros para os obradorios duais e os de garantía xuvenil na comarca, é o máis alto da década

― O delegado da Xunta clausurou en Vimianzo o obradoiro que este concello organiza con Muxía e Camariñas para a formación en carpintería e tecnoloxía web de 20 persoas

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na clausura do obradoiro de emprego de garantía xuvenil de Vimianzo, compartido con Muxía e Camariñas, que este ano formou a 20 persoas en desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web e instalacións de elementos de carpinterías.
Trenor felicitou aos profesores e aos alumnos polo resultado dos traballos realizados neste taller de formación e recalcou que “agora todos os alumnos estades mellor preparados para atopar un emprego”.

Neste senso, lembrou que os participantes combinaron un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. “O obxectivo – incidiu – é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente nos do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación”.

Na clausura o delegado da Xunta informou tamén da resolución completa dos novos obradoiros de emprego dirixidos aos concellos, mancomunidades e entidades públicas dependentes para o ano 2021-2022 que permitirá a realización dun total de cinco talleres ordinarios duais na comarca de Bergantiños-Costa da Morte. Mediante estas iniciativas a Consellería de Emprego e Igualdade investirá en políticas activas de emprego nesta comarca Santiago máis de 1,7 millóns de euros

Os obradoiros duais serán o de Camariñas, compartido con Muxía e Vimianzo; o de Carballo; o de Cerceda, compartido con Tordoia e Trazo; o de Dumbría compartido con Cee e Corcubión e o da Laracha.

Estes obradoiros permitirán que un total de 100 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais é de nove meses.
Trenor destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolver un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”. Una vez rematados, dixo, “contemplan a opción de traballar nunha empresa da contorna, a xornada completa, por un mínimo de tres meses, a través dos incentivos á contratación concedidos desde a Administración autonómica”.

Ampliación da convocatoria
A Xunta vén de reforzar a convocatoria deste ano de obradoiros , co seu maior orzamento, o maior número de accións e de persoas beneficiarias. Na actual convocatoria se acadan múltiples cifras récord: en canto a orzamento, o maior da década o que permitrá desenvolver un total de 33 actuacións na provincia entre obradoiros duais e de garantía xuveníl cun investimento de máis de 11,3 millóns de euros.

Máis que formación
As persoas desempregadas que participan nestes programas -desenvolvidos por concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal- poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e un contrato de traballo. Unha vez remata o obradoiro, teñen oportunidade de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.

Con esta ferramenta incídese ademais na inserción no mercado laboral de persoas en situación de especial dificultade, entre outras, emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; paradas de longa duración; con discapacidade; maiores de 45 anos; ou traballadoras e traballadores que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior.